Canón (arma)
peza de artillaría / From Wikipedia, the free encyclopedia
Canón é a denominación xeral do tubo das armas de fogo por onde sae o proxectil. Porén, o termo adoita referirse a unha determinada peza de artillaría para disparar proxectís pesados dotada de rodas para o seu transporte ou desprazamento que pode ser de diversas formas e calibres segundo a época e a finalidade[1].
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2018.) |
O canón usa pólvora ou outro propelente baseado en explosivos para disparar un proxectil. Os canóns varían en calibre, alcance, mobilidade, cadencia de tiro, ángulo de disparo e potencia de fogo; os distintos tipos de canón combinan e equilibran eses atributos en distintos graos, dependendo do uso que se lle pretende dar no campo de batalla. A palabra canón deriva do aumentativo de cano por extensión do tubo polo que se dispara o proxectil.[2]
O canón ordinario permite bater albos situados dentro da vista directa do artilleiro. O canón emprégase xeralmente en carros de combate e tamén como arma anticarro, por mor que ten unha traxectoria tensa ou rasante. Para atacar albos que non están dentro do alcance da peza e que se atopan agachados tras obstáculos naturais ou defensas, utilízase o obús ou o morteiro, os cales teñen unha traxectoria curva, ou sexa, cando dispara un proxectil, este describe unha curva parabólica.
Actualmente, a maior parte das pezas artilleiras, agás as de calibres máis pequenos, son mixtas canón-obús, para poderen actuar en ambas as dúas funcións. Seguen a ser canóns puros os modelos específicos, como os que portan os carros de combate, os antitanques ou antiaéreos e os montados en barcos de guerra.
Ademais do seu uso xeneralizado na guerra, os canóns tamén se empregan para unha serie de propósitos pacíficos como no control de avalanchas.