Calcolítico na Península Ibérica
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Calcolítico na Península Ibérica singulariza esta fase da Prehistoria (tamén denominada Idade do Cobre ou Eneolítico) nun ámbito xeográfico concreto, o peninsular. Este momento correspóndese cun claro incremento na complexidade social que mostraba o período precedente, o Neolítico, anunciando os posteriores cambios que se produciron durante a Idade de Bronce e de Ferro. Hai investigadores que o subdividen en Calcolítico Inicial, Pleno e Final.
Os grupos arqueolóxicos máis significativos foron os do castro de Leceia, en Barcarena (Oeiras, distrito de Lisboa), de finais do Neolítico até a Idade do Cobre, descuberto a finais do XIX polo pai da estratigrafía e arqueoloxía portuguesa, Carlos Ribeiro, e escavado a principios do século XX (1914) por José Leite de Vasconcelos, naturalista e arqueólogo, e o máis recente Vila Nova, en Vila Nova de São Pedro (Azambuja, distrito de Lisboa) (Portugal), e Los Millares, en Almería (España). Durante o III milenio a. C. o territorio peninsular distou moito de ser culturalmente uniforme. Así, pódese dividir a Península Ibérica en, cando menos, tres grandes áreas que presentan unhas certas características propias: sueste, suroeste e interior (que incluiría o norte de Portugal).[1] Hoxe en día, parece claro que estes foron o resultado de procesos autóctonos, xerados a partir do substrato de poboación neolítico indíxena.