Brexit
From Wikipedia, the free encyclopedia
A saída do Reino Unido da Unión Europea, comunmente abreviada como Brexit (pronunciado [ˈbreksit], acrónimo das palabras inglesas Britain e exit, ‘Gran Bretaña’ e ‘saída’), é un proceso político en curso que persegue o abandono do Reino Unido da Unión Europea. Esta era unha meta política de determinados partidos políticos, grupos civís e persoas do Reino Unido desde 1973. Saír da Unión Europea é un dereito dos Estados membros recoñecido no artigo 50 do Tratado da Unión Europea.
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2020.) |
Xa en 1975 se celebrara un primeiro referendo sobre a permanencia do país na Comunidade Económica Europea, precursora da UE, con resultado favorable á permanencia. No 2016 celebrouse un segundo referendo sobre a pertenza, celebrouse o xoves 23 de xuño, e tivo un resultado favorable á saída da Unión Europea con case un 52 % dos votos, fronte a un 48 % que avogou pola permanencia.
O resultado non foi uniforme en todo o Reino Unido, votouse a favor da saída principalmente en Inglaterra e Gales, mentres que Escocia, Irlanda do Norte e mailo territorio de Xibraltar votaron pola permanencia. O grande peso demográfico de Inglaterra e a alta participación nesta nación foron decisivos para decantar o resultado a favor da saída. Neste sentido, algúns analistas sinalan a posibilidade dunha creba no propio Reino Unido, xa que podería traer de volta unha fronteira terrestre na illa de Irlanda. Escocia votou por permanecer no Reino Unido no referendo celebrado dous anos antes baixo a promesa de permaneceren na Unión Europea.
Entre as consecuencias inmediatas que se produciron está o anuncio do entón primeiro ministro británico, David Cameron, que estivo a favor da permanencia do Reino Unido na Unión, de dimitir antes do seguinte congreso nacional do Partido Conservador, previsto para o 2 de outubro do 2016. A elección do próximo líder "tory" estaba programada para aquel congreso, e disputaríase entre Theresa May e Andrea Leadsom, que resultaron gañadoras da votación entre os parlamentarios do Partido Conservador. Tras a retirada de Leadsom, Theresa May foi proclamada como sucesora de Cameron directamente, sen primarias, e asumiu a encarga de formar Goberno o 13 de xullo.
Por outra banda, o resultado do referendo non era vinculante, xa que para iniciar o proceso de saída da Unión Europea, o Parlamento do Reino Unido tiña que derrogar unha serie de leis, e a Cámara dos Comúns podía desbotar calquera iniciativa neste sentido.
Finalmente, o 29 de marzo do 2017 tras conseguir a aprobación do parlamento británico, o Reino Unido comunicoulle ao presidente do Consello da Unión Europea a súa vontade de abandonar a Unión Europea, tal como establece o artigo 50 do Tratado da Unión Europea. Esta comunicación deu comezo ao proceso de saída, que segundo establece o tratado, terá unha duración inicial de dous anos, prorrogable polo acordo unánime dos Estados membros.