Beverly Sills
cantante de ópera estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
Belle Miriam Silverman, nada en Nova York o 25 de maio de 1929 e finada na mesma cidade o 2 de xullo de 2007 foi unha cantante de ópera estadounidense de orixe ucraína-romanesa coñecida como Bevely Sills. Foi tan famosa como soprano coloratura que a alcumaron "A raíña da ópera americana" e destacou logo como empresaria, executiva, xornalist, directora de teatros e organizadora.
A súa longa carreira lírica profesional iniciouse en 1945 pero comezou a destacar en 1966 e o seu mellor período durou apenas unha década. Sobrevivente de cancro, despois de retirarse no ano 1980, foi a directora xeral da Ópera de Nova York á que salvou da bancarrota e puxo en marcha o sistema de subtítulos na ópera por primeira vez nos Estados Unidos.
En 1994, foi elixida presidenta do Lincoln Center e, en 2002, da Metropolitan Opera, a primeira muller en dirixilos.
Nai de dous fillos discapacitados, Sills aproveitou a súa fama para axudar na prevención e o tratamento dos defectos de nacemento, recadando máis de 70 millóns de dólares para a causa.
Foi unha pioneira entre as mulleres da súa era e unha icona cultural estadounidense, especialmente neoiorquina. Un crítico escribiu "se debo recomendar unha atracción na cidade de Nova York, Bevely Sills é a primeira na miña lista".