As aves na cultura popular galega
From Wikipedia, the free encyclopedia
A presenza das aves na cultura popular galega, sexa en forma de vocabulario que as utiliza como metáfora, de ditos que recollen o seu aspecto ou comportamento, de refráns, cantigas ou contos, é moi ampla, como non pode resultar estraño. Así, as diferentes aves, domésticas ou non, serven como prognósticos meteorolóxicos (Cando chían os biluricos, moita auga e moito frío), como agoiros de boa ou mala sorte (como o canto do moucho nas inmediacións da casa familiar), como remedios medicinais (como queimar plumas de perdiz para aliviar as dores do parto), describen comportamentos da xente (ser unha laberca) ou son a base de multitude de lendas (como a do chasco e o pimpín co gallo da Fuxida a Exipto).
Obviamemnte, estas manifestacións culturais non pretenden unha exactitude biolóxica, como tampouco o pretende calquera outra expresión da cultura popular, senón que nacen da observación no campo (acertada ou non, coherente ou non) e se van estendendo -e modificando- mediante a transmisión oral.