Araúxo (uva)
Variedade vinícola / From Wikipedia, the free encyclopedia
Araúxo[1] é unha caste de uva de Vitis vinifera (videira) tinta autóctona da Rioxa, de tamaño mediano, forma esférica e tona grosa de cor negra azulada, de maduración temperá e cultivo moi estendido, utilizada especialmente para a elaboración dos viños das denominacións de orixe Rioxa, Ribera del Duero, A Mancha, Navarra e Valdepeñas. É, polo tanto, unha das castes máis coñecidas da Península Ibérica. Orixinaria do norte de España, cos nomes de tempranillo, cencibel e tinto del país, tamén é moi cultivada en Portugal, onde é xeralmente coñecida como aragonez, ou tinta roriz na rexión do Douro. En Cataluña coñécese co nome vulgar de ull de lebre.[2]
É unha caste moi adaptable a diferentes climas e solos, por iso o seu cultivo aumentou e foi difundido a outras rexións como as portuguesas de Dão e Alentexo, onde se adaptou particularmente ben, Ribatexo e Estremadura.
As condicións ideais de cultivo son os climas quentes e secos, para que a produción sexa menor e os bagos máis concentrados. Esta caste orixina viños de elevado contido alcólico, de baixa acidez e indicados para envellecer, sendo moi resistentes á oxidación.
É a maior constituínte dos mellores Riojas e Ribera del Duero (España).[2] Ten un nariz de coiro lene e pode ter gusto de amorodos maduros. O nome castelán tempranillo, vén da palabra castelá temprano, que significa cedo, e a súa maior vantaxe é que madurece logo.