Alternancia de xeracións
From Wikipedia, the free encyclopedia
A alternancia de xeracións (tamén chamada metaxénese) é un termo usado principalmente para describir os ciclos vitais de plantas (entendendo por tales aquí as Archaeplastida). Un individuo gametófito multicelular, que é haploide, é dicir, con n cromosomas, alterna no ciclo vital da especie cun esporófito multicelular, que é diploide, é dicir, con 2n cromosomas (n pares). Un esporófito maduro produce esporas por meiose, un proceso que reduce o número de cromosoma á metade, de 2n a n. Como a meiose é un paso clave na alternancia de xeracións, é probable que teña unha función adaptativa fundamental. A natureza desta función aínda non se coñece ben, pero as dúas principais ideas que se esgrimen son que a meiose é adaptativa porque facilita a reparación dos danos no ADN ou que xera variabilidade xenética.
As esporas haploides xerminan e crecen por mitose orixinando gametófitos haploides. Na madurez, o gametófito produce gametos por mitose, o cal non altera o seu número de cromosomas. Dous gametos (orixinados en dous organismos de diferentes especies ou da mesma especie) fusiónanse para producir un cigoto, o cal se desenvolve dando un esporófito diploide. Este ciclo, do gametófito ao esporófito (ou igualmente do esporófito ao esporófito), é o modo no cal as plantas terestres e moitas algas realizan a súa reprodución sexual.
As relacións entre o esporófito e o gametófito varían entre diferentes grupos de plantas. Nas algas que teñen alternancia de xeracións, o esporófito e o gametófito son organismos separados independentes, os cales poden ter aparencia similar ou non. En hepáticas, musgos e antocerotas, o esporófito está menos desenvolvido que o gametófito e é en gran medida dependente del. Aínda que os esporófitos de musgos e antocerotas poden fotosintetizar, requiren un fotosintato adicional do gametófito para manter o crecemento e desenvolvemento das esporas e dependen del para a obtención de auga, nutrientes minerais e nitróxeno.[1][2] Ao contrario, en todas as plantas vasculares modernas o gametófito está menos desenvolvido que o esporófito, aínda que os seus antepasados do Devoniano tiñan gametófitos e esporófitos de complexidade aproximadamente equivalente.[3] En fentos o gametófito é un pequeno e aplanado prototalo autótrofo sobre o cal o esporófito novo é brevemente dependente para a súa nutrición, pero axiña crece e faise independente. En plantas con flor, a redución do gametófito é moito máis extremo, xa que consta só dunhas poucas células que crecen enteiramente dentro do esporófito.
Todos os animais desenvólvense de forma diferente a esta. Un animal maduro é diploide e, por tanto, en certo sentido, é equivalente ao esporófito das plantas. Porén, un animal produce directamente gametos haploides por meiose. Non producen ningún tipo de esporas haploides con capacidade de dividirse, polo que nunca se orixina nada similar a un gametófito haploide. Non hai alternancia entre formas haploides e diploides. Ás veces fálase de alternancia de xeracións en animais que teñen distintas fases no seu ciclo vital (como a fase polipoide e medusoide dos cnidarios), pero esta non é unha verdadeira alternancia equiparable á das plantas.
Os ciclos de vida das plantas e algas con estadios alternantes haploides e diploides multicellares denomínanse diplohaplontes (ou haplodiplontes, diplobiontes ou dibiónticos). Os ciclos de vida, como os dos animais, nos cales hai un só estadio multicelular diploide son denominados diplontes. (Os ciclos vitais nos cales hai só un estadio multicellar haploide denomínanse haplontes.)