Alfabetización
habilidade de usar texto para comunicarse / From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo alfabetización, segundo o Dicionario da Real Academia Galega, provén do verbo alfabetizar; trátase da acción de “ensinar a ler e escribir”,[1] así mesmo enténdese tradicionalmente como a habilidade de ler e escribir,[2] co propósito de comprender ou expresar pensamentos ou ideas en forma escrita nalgún contexto específico de uso.[3] Noutras palabras, os humanos das sociedades alfabetizadas teñen formas prácticas para producir e consumir escritos, e tamén teñen crenzas sobre estas prácticas.[4] Ler, desde este punto de vista, é sempre ler algo con algún propósito; escribir sempre é escribir algo para alguén para uns fins particulares.[5] As crenzas sobre a lectura e a escritura e o seu valor para a sociedade e para o individuo sempre inflúen nas formas en que se ensina, se aprende e se practica a lectoescritura ao longo da vida.[6] Este significado inicial expandiuse para incluír a habilidade de empregar a lingua, os números, imaxes e outros elementos para entender e empregar o sistema dominante de símbolos dunha cultura.[7] Para Richard L. Venezky, a alfabetización «é a habiidade mínima para ler e escribir unha lingua específica, así como unha forma de entender o uso da lectura e da escritura na vida cotiá.»[8] Tamén se define convencionalmente como "un conxunto de habilidades de lectura, escritura e cálculo".[9] A miúdo redúcese á capacidade de ler e escribir, ou ás veces só á capacidade de ler, e mesmo só ao proceso de ensinar esa habilidade. O concepto de alfabetización estendéuse nos países da OCDE para incluír habilidades de coñecemento a través da tecnoloxía e a habilidade de avaliar contextos complexos.[7]
A alfabetización representa o proceso intelectual ó longo da vida de conseguir coñecemento dende unha intepretación crítica dun escrito ou dun texto impreso. A chave de todo proceso de alfabetización é o desenvolvemento da lectura, unha progresión de habilidades que comeza coa aprendizaxe das palabras faladas e a decodificación das palabras escritas, e que culmina nun entendemento profundo do texto. O desenvolvemento da lectura abrangue un amplo rango de bases lingüísticas complexas como o coñecemento dos sons da fala (fonoloxía), dos patróns de escrita (ortografía), do significado das palabras (semántica), da gramática (sintaxe) e dos patróns de formación de palabras (morfoloxía), todos os cales achegan unha base precisa para a fluidez de lectura e comprensión. Unha vez estas habilidades son adquiridas, o lector pode acadar a alfabetización completa da linguaxe, que inclúe as habilidades para aplicar unha análise crítica, inferencias e sínteses a un material impreso; escribir con precisión e coherencia e empregar información e puntos de vista de texto como base para as decisións informadas e o pensamento creativo.[10]
Algúns, con todo, consideran que o uso da noción de habilidade, no referente actualmente á lectura e a escritura, xa non se considera como tal. Esta crítica pódese observar nos modelos de James Paul Gee (autónomo e ideolóxico) sobre a alfabetización. Saber o básico de ler e escribir non habilita para ler e escribir calquera tipo de texto, todo depende do contexto sociocultural.[11] A incapacidade de facelo chámase analfabetismo.
Algúns investigadores suxiren que o interese da historia polo concepto de "alfabetización" pode dividirse en dous períodos. En primeiro lugar está o período anterior a 1950, cando a alfabetización se entendía unicamente como alfabetización alfabética (recoñecemento de palabras e letras). En segundo lugar, o período posterior a 1950, cando a alfabetización comezou a considerarse lentamente como un concepto e proceso máis amplo, incluíndo os aspectos sociais e culturais da lectura e da escritura,[12] e alfabetización funcional (Dijanošić, 2009).[13]