Acrónimo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un acrónimo (do grego ἄκρος ákros, "extremidade", e ὄνομα onoma, "nome") é unha palabra formada a partir da abreviación doutras palabras. Utilízase xeralmente para referir a voz resultante dun dos procedementos de formación de palabras no que se combinan dúas ou máis palabras, ou ben letras (habitualmente iniciais) dunha unidade lexical composta co propósito de facela máis curta.
Os acrónimos poden devir en palabras de uso corrente, habitualmente substantivos. É o caso, por exemplo, de láser, radar, módem ou informática. Acrónimos deste tipo fóronse popularizando nos últimos tempos, de xeito que o seu uso está hoxe xeneralizado e foron incorporadas ó dicionario. Aínda así, son aínda máis frecuentes nas linguaxes técnicas utilizadas nas especialidades profesionais (medicina, informática ou enxeñaría) e nos nomes de organizacións e compañías.
A subdisciplina filolóxica que estuda os acrónimos é a acronimia. En morfoloxía, coñécese como acronimia o proceso de formación de palabras a partir dos compoñentes iniciais dun nome ou frase máis longa que dá lugar ós acrónimos.