Accidente de tráfico
prexuízo ocasionado a unha persoa ou ben material por acción dun condutor / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un accidente de tráfico ocorre cando un vehículo colisiona con outro vehículo, cun peón, cun animal ou con outro elemento, como un sinal de tráfico, unha árbore ou un edificio. Os accidentes de tráfico frecuentemente provocan feridas, discapacidades ou a morte, e danos á propiedade, ademais de custos financeiros á sociedade e aos individuos involucrados. O transporte por estrada é a situación máis perigosa á que se enfronta a xente na súa vida cotiá, a pesar de que estes accidentes adoitan atraer menos a atención que outras traxedias menos frecuentes.[2]
Numerosos factores contribúen ao risco de colisión, como o deseño do vehículo, a rapidez de operación, o deseño e as condicións da estrada, as habilidades na condución, a influencia do alcohol e as drogas e o comportamento, especialmente a condución agresiva, as distraccións, a velocidade excesiva e as carreiras.
En 2013, 54 millóns de persoas sufriron feridas en todo o mundo por accidentes de tráfico.[3] Resultou en 1,4 millóns de mortes ese ano, máis do 1,1 millón de falecementos en 1990.[4] Arredor de 68 000 destas foron de nenos menores de cinco anos.[4] Case todos os países desenvolvidos diminuíron a taxa de morte, mentres que a maioría dos países con rendas máis baixas incrementaron a taxa de falecemento por accidente de tráfico. Mentres a taxa de morte en África é a máis alta (24,1 por 100 000 habitantes), a taxa máis baixa é a de Europa (10,3 por 100 000 habitantes).[5]