Accidente de Chernóbil
From Wikipedia, the free encyclopedia
O accidente de Chernóbil foi un accidente nuclear ocorrido o 26 de abril de 1986 na central nuclear de Chernóbil, situada na República Socialista Soviética de Ucraína (actual Ucraína). Un estoupido e un incendio lanzaron grandes cantidades de contaminación radioactiva á atmosfera, que se estendeu sobre gran parte do oeste de Rusia e Europa. Está considerado o peor accidente nunha central nuclear da historia, e foi o primeiro clasificado como de nivel 7 na escala internacional de eventos nucleares (no 2011 chegou a este nivel o accidente nuclear de Fukushima). Na batalla para conter a contaminación e para evitar unha catástrofe maior participaron ao redor de 500 000 traballadores, e esta custou uns 18 billóns de rublos, paralizando a economía soviética[1].
O desastre comezou durante unha proba do sistema o 26 de abril de 1986 no reactor número 4 da central de Chernóbil, próxima á cidade de Pripyat. Durante a proba houbo unha repentina subida de potencia, e, cando se intentou realizar unha parada de emerxencia, produciuse un pico máis extremo no aumento da potencia, que levou a unha serie de estoupidos. Estes estoupidos expuxeron ao grafito usado como moderador do reactor ao aire, causando que se incendiase[2]. O lume resultante enviou unha columna de fume altamente radioactivo á atmosfera, sobre unha extensa área xeográfica, incluíndo a cidade de Pripyat. A columna percorreu grandes zonas do oeste da Unión Soviética e Europa. Dende 1986 ata o 2000, 350 400 persoas foron evacuadas e desprazadas das zonas máis contaminadas de Belarús, Rusia e Ucraína[3]. Segundo datos oficiais post-Unión Soviética, ao redor do 60 % do po radioactivo caeu sobre Belarús.
O accidente amosou a preocupación sobre a seguridade da industria da enerxía nuclear soviética, ademais da enerxía nuclear en xeral, atrasando a súa expansión durante varios anos e forzando ao goberno soviético a ser menos reservado sobre os seus procedementos.
Rusia, Ucraína e Belarús cargaron cos enormes e continuos custos da descontaminación e sanitarios do accidente de Chernóbil. 31 mortes foron atribuídas directamente ao accidente, todas producidas entre traballadores do reactor e persoal de emerxencias. Un informe do UNSCEAR (comité científico das Nacións Unidas sobre os efectos da radiación atómica) di que o total de mortes confirmadas por radiación ata o ano 2008 é de 64. As estimacións de vítimas mortais potencialmente resultantes do accidente varían enormemente: a OMS suxire que poderían chegar a 4 000; un informe de Greenpeace fala de 200 000 ou máis; unha publicación rusa, Chernobyl, conclúe que se produciron unhas 985 000 mortes entre 1986 e 2004 pola contaminación radioactiva.