A Igrexa greco-católica no Imperio Ruso
From Wikipedia, the free encyclopedia
A presenza da Igrexa greco-católica no Imperio Ruso ten a súa orixe logo das sucesivas particións de Polonia, cando a maioría das estruturas da metrópole greco-católica de Kíiv-Galicia e toda a Rus pasaron a estar baixo dominio ruso. Antes da primeira partición a metrópole estaba organizada en oito dioceses: Kíiv, Lutsk, Lviv, Polack, Przemyśl, Chełm, Pinsk-Turaŭ e Volodymyr-Brest. En total, os greco-católicos tiñan 9.452 templos;[1] arredor do 60% destes edificios pasaron a estar en territorio ruso logo das particións.[2]
Os gobernantes rusos tiveron unha actitude negativa respecto aos greco-católicos, considerándoos como ortodoxos que, baixo coacción, aceptaran a xurisdición papal, e que renunciarían á Unión de Brest á menor oportunidade. Durante o goberno de Catarina II se realizou unha actividade importante para a conversión dos greco-católicos de Belarús e Lituania á ortodoxia. Logo da pausa que supuxeron os reinados de Paulo I e Alexandre I, o tsar Nicolao I retomou a loita contra a Unión. A supresión administrativa da Igrexa greco-católica foi precedida por unha longa campaña para asemellar os seus ritos aos da Igrexa ortodoxa rusa, que foi coordinada polo bispo Yosyf Semashko. En 1839 o sínodo de Polack proclamou a abolición da Unión en Lituania e Belarús; só sobreviviu a eparquía de Chełm, posteriormente suprimida en 1875. As autoridades empregaron medidas coercitivas contra a poboación para forzar a súa conversión; en lugares como Pratulin e Drelów houbo varias vítimas mortais entre os greco-católicos. Malia o recoñecemento administrativo de todos os greco-católicos como ortodoxos, arredor de 100.000 persoas nunca obedeceron as ordes tsaristas, boicoteando as parroquias da Igrexa ortodoxa rusa. Esta política contraria á Unión por parte dos sucesivos tsares estaba relacionada coa política de rusificación das terras capturadas como resultado das particións de Polonia.