Órgano vomeronasal
From Wikipedia, the free encyclopedia
O órgano vomeronasal (OVN) ou órgano de Jacobson é un órgano sensorial olfactorio auxiliar que se encontra en moitos animais. Encóntrase preto do vómer e dos ósos nasais. Foi descuberto por Frederik Ruysch en 1732 e despois por Ludwig Jacobson en 1813.[1] Este é o órgano sensorial implicado na resposta de flehmen en mamíferos.
O OVN é o primeiro estadio do sistema olfactivo accesorio e contén neuronas sensoriais que detectan estímulos químicos. Os axóns destas neuronas proxéctanse ao bulbo olfactivo accesorio, que envía impulsos á amígdala cerebral e o núcleo do leito da estría terminal, que á súa vez envían proxeccións ao hipotálamo.
O órgano vomeronasal utilízase principalmente para detectar feromonas, mensaxeiros químicos que portan información polo aire entre individuos da mesma especie. Como ocorre con outros sistemas olfactivos, as mensaxes químicas detéctanse ao unírense a receptores acoplados á proteína G. As neuronas do OVN expresan receptores de tres familias, chamados V1R,[2] V2R,[3][4][5] e FPR.[6][7] Os receptores son diferentes entre si e pertencentes a grandes familias de receptores do sistema olfactivo principal.[8] Os estímulos alcanzan o OVN en fase líquida (disoltos) por medio dun mecanismo de bombeo; os sinais principais para o OVN son, por tanto, non volátiles e requiren contacto físico directo.
A súa presenza en moitos animais foi amplamente estudada e demostrouse en moitos estudos a importancia do sistema vomeronasal para a función de reprodución e comportamento social (por medio da súa influencia sobre o hipotálamo anterior). A súa presenza e funcionalidade en humanos foi controvertida, aínda que a maioría dos estudos están de acordo con que o órgano sofre regresión durante o desenvolvemento fetal. Moitos xenes esenciais para o funcionamento do OVN en animais (como o TRPC2[9]) non son funcionais en humanos.[10] Aínda que a comunicación química parece ocorrer entre humanos, isto non implica necesariamente de que o órgano vomeronasal humano sexa funcional.[11]