Ártabros
tribo asentada nas rías da Coruña, Betanzos e Ferrol / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os ártabros[1][2] ou arrotrebos[3] (en latín: Artabri ou Arrotrebae) eran unha tribo de orixe celta asentada na Gallaecia lucense ó noroeste da Península Ibérica. Eran os poboadores da zona que comprende a ría da Coruña e a ría de Ferrol ata a chegada de Xulio César no ano 62 a. C. Segundo o historiador Benito Vicetto o fundador dos ártabros sería Artai, o primoxénito de Breogán.[4]
Segundo Luís Monteagudo estaban formado por tres subtribos nas que se contan os brigantinos, os lapatiancos e os nerios.[5] configurando un grupo diferenciado dentro do pobo dos galaicos. Viría en apoio desta hipótese a ausencia das habituais ofrendas aos deuses galaico-lusitanos, Bandua e Reue, en substitución de Cosso (divindade tamén presente en territorio dos ástures pero non na Bracarense e Lusitania). A súa diferenciación respecto doutros galaicos tamén é comentada por Estrabón:
Os que viven máis afastados son os ártabros, na rexión do cabo que chaman Nerio, que separa os flancos occidental e norte. Nela viven tamén célticos, emparentados cos das beiras do Anas. Din que nunha ocasión en que fixeron alí unha campaña militar estes xunto cos túrdulos, fixeron defección tras pasar o río Limia.[6]
Estrabón refírese aos célticos da Beturia, asentados no val do actual Guadiana, e aos túrdulos célticos da costa media de Portugal. Se desertaron tras cruzar o río Limia, despréndese que non atoparon nos brácaros e nos callaecos, as mesmas relacións de identidade que cos célticos do norte.