Ángulo
rexión do plano comprendida entre dúas semirrectas con orixe común / From Wikipedia, the free encyclopedia
En xeometría plana, un ángulo é a rexión do plano comprendida entre dúas semirrectas con orixe común[1]. As semirrectas son os lados do ángulo, e a orixe común é o vértice do ángulo[2].
Na xeometría do espazo considéranse dous tipos de ángulos:
- O ángulo diedro, que é a rexión do espazo delimitada por dous semiplanos, chamados caras, que parten dunha recta común chamada aresta[2].
- O ángulo sólido, que é a rexión do espazo que subtende un feixe de raios que parten dunha orixe común que é o vértice do ángulo[3]. Tipos particulares de ángulos sólidos son:
- O ángulo sólido cónico, no que a rexión que o forma está delimitada por unha superficie cónica.
- O ángulo poliedro, que é a rexión do espazo delimitada por tres ou máis ángulos planos, chamados caras cun vértice común, que é o vértice do ángulo poliedro; e que están dispostos de tal xeito que cada cara comparte os lados que a delimitan con outras dúas caras, e ningunha máis. Ditos lados son as arestas do ángulo poliedro. O ángulo poliedro de tres caras chámase ángulo triedro[2].
Nas xeometrías non euclidianas defínese o ángulo dun xeito semellante, por exemplo, na xeometría esférica, un ángulo é a rexión esférica comprendida entre dous semicírculos máximos.